Máis de 2.000 persoas desfrutaron das Noites en Vela na Ponte Maceira
A cita reuniu centos de asistentes arredor da música e do patrimonio nunha edición que recuperou o seu escenario habitual tras o traslado do pasado ano

A Ponte Maceira volveu encherse este sábado de música e ambiente coa celebración dunha nova edición das Noites en Vela, que reuniu máis de 2.000 persoas neste enclave patrimonial, iluminado unicamente pola luz das candeas.
A cita regresou á súa localización habitual despois de que o pasado ano tivese que trasladarse ao auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns debido ás condicións meteorolóxicas. Nesta ocasión, a iluminación pública apagouse para crear unha atmosfera especial arredor da ponte e da súa contorna.
Organizado conxuntamente polos departamentos de Cultura dos concellos de Ames e Negreira, o evento busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística da Ponte Maceira, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 2022 e integrada na rede dos Pobos Máis Bonitos de España.
O programa musical contou coa actuación do cuarteto Balteira, dentro do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, e co grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas de Ames. A velada concluíu cun espectáculo pirotécnico.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou a colaboración entre ambos concellos para facer posible a celebración. "Entre Ames e Negreira existe unha boa relación que facilita que poidamos entendernos para sacar adiante con éxito este tipo de eventos", sinalou.
Balteira, formación creada a finais de 2025 en Betanzos, ofreceu un repertorio baseado na recuperación da tradición oral galega con arranxos contemporáneos, mentres que o grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas interpretou unha escolma de pezas da música tradicional galega.












