O parque do Ameneiral acollerá unha nova edición do Encontro Intercultural de Ames
A cita celebrarase o sábado con degustación de pratos tradicionais, actuación musical e actividades para toda a familia

O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o sábado 11 de xullo unha nova edición do Encontro Intercultural de Ames, unha iniciativa organizada polo Concello en colaboración coa Asociación Sociocultural de Venezolanos en Santiago de Compostela (Avesanti) para promover a convivencia e o intercambio cultural entre a veciñanza.
A xornada comezará ás 12.00 horas e contará cunha degustación gratuíta de pratos típicos elaborados por veciños e veciñas de diferentes nacionalidades residentes no municipio. Entre os países representados figuran Venezuela, Perú, Guatemala ou Costa de Marfil, nunha mostra da diversidade cultural existente en Ames.
O programa incluirá tamén actividades infantís e unha actuación musical da instrumentista, compositora e veciña de Ames Anne Tooming.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destacou que o principal obxectivo deste encontro é que as persoas participantes "se sintan protagonistas, valoradas e veciñas de Ames", mentres que o técnico de mediación intercultural, Leonardo Pena, sinalou que a iniciativa busca favorecer a relación entre persoas de distintas orixes e dar visibilidade ás máis de 60 nacionalidades que conviven no municipio.
O Concello anima á veciñanza a participar nesta cita, que pretende converter a gastronomía e a cultura nun punto de encontro para fomentar a integración e o coñecemento mutuo.













