O Centro Multifuncional do Milladoiro encara a súa recta final e abrirá en setembro cos primeiros cursos de formación
O Concello de Ames prevé rematar as obras nun mes e estrear a nova infraestrutura tras o verán, cun espazo destinado á formación, á mocidade e á dinamización social e cultural do Milladoiro

O alcalde, Blas García, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, realizaron esta mañá unha visita ao Centro Multifuncional do Milladoiro, para comprobar o avance das obras de dita infraestrutura, que está previsto que estean finalizadas nun prazo aproximado dun mes. A visita foi guiada polo persoal técnico da empresa adxudicataria da actuación, Construcciones Iglesias Mera, e polo axente de desenvolvemento local, Juan Carlos Carreja. Está previsto que durante a segunda quincena de setembro se impartan os primeiros cursos de formación neste espazo.
Esta actuación enmárcase dentro do plan Impulsa Ames e, desde o primeiro momento, foi considerada como un dos proxectos máis importantes da estratexia de desenvolvemento vinculada aos fondos europeos, debido ao seu carácter social e inclusivo, dirixido especialmente á mocidade e ás persoas en risco de exclusión social. “Para nós esta actuación era prioritaria e irrenunciable. Despois dunha mala experiencia coa anterior adxudicataria do contrato, é unha gran satisfacción ver como a obra avanza a bo ritmo”, explica Blas García.
O alcalde, Blas García, dixo que “o motivo da visita hoxe ao Centro Multifuncional do Milladoiro é para comprobar o avance das obras que van a bo ritmo despois de todos os problemas que tivemos coa anterior empresa. Esperamos que o próximo mes este rematada a obra. Quero recordar os problemas que tivemos coa anterior empresa e tamén destacar que finalmente resolvemos cunha empresa local de Ames e con materiais da contorna, co cal todos os problemas que había, ao final comprobouse que non era certo, pero imos a quedarnos coa parte positiva, que é que nunhas semanas este centro estará en funcionamento”.
Blas García tamén indicou que “este centro creouse para atender a aquelas persoas que teñen dificultades para acceder ao emprego, persoas mozas e dunha idade entre os 45 e 50 anos, e tamén haberá un espazo dirixido á mocidade de Ames, para que poida xuntarse neste centro e para realizar distintas actividades. Ademais, vaise acondicionar toda a contorna unindo este espazo coas pistas de pádel e de skate”.
Características do Centro Multifuncional do Milladoiro
Na planta baixa do centro atópase a entrada que conta cun espazo diáfano. A primeira planta estará dedicada ao desenvolvemento de actividades de formación e para a mocidade. En dito espazo a mocidade poderá xuntarse para facer traballos en grupo, e tamén arrancar diferentes proxectos que posteriormente poderían desenvolver no espazo colaborativo A Proa. Nesta primeira planta tamén se impartirán cursos formativos dirixidos á mocidade e a colectivos en risco de exclusión social.
Deste xeito, preténdese que o Centro Multifuncional do Milladoiro estea estreitamente vinculado co Centro de formación de Aldea Nova e co Espazo colaborativo A Proa, para a formación e emprendemento de distintos colectivos. Durante a visita destacouse a importancia de dispoñer deste espazo no Milladoiro, xa que hai 14.000 habitantes que non dispoñen dun espazo específico para actividades de formación. Na actualidade, esta poboación ten que desprazarse ao Centro de formación de Alde Nova coa dificultade que isto implica cos problemas de transporte que existen.
A segunda planta dispón dun espazo máis versátil e aberto no que se poderá interactuar libremente e tamén servirá de espazo para representar exposicións, actuacións musicais e culturais. Este cento tamén estará estreitamente vinculado co local de ensaio A Factoría. O espazo desta segunda planta representa o que quere ser este edificio: un espazo aberto e multifuncional.












