A Ponte Maceira volverá a iluminarse coas Noites en Vela o 18 de xullo
Balteira e o grupo de gaitas da AC Follas Novas protagonizarán unha nova edición do evento, que contará tamén con espectáculo pirotécnico e autobús gratuíto desde Ames
Ponte Maceira acollerá o vindeiro 18 de xullo, a partir das 21.00 horas, unha nova edición das Noites en Vela, a cita cultural organizada conxuntamente polos concellos de Ames e Negreira que volverá converter este enclave histórico nun escenario para a música tradicional galega.
O cartel estará encabezado por Balteira, un cuarteto nacido en Betanzos a finais de 2025 e integrado por Cris Sánchez e Noa Migal, nas voces e percusións, Álex Fente, no acordeón, e Pablo Pacior, nos ventos. A formación recupera o repertorio oral galego incorporando arranxos contemporáneos, mantendo o espírito da música tradicional.
Por outra banda, tamén actuará o grupo de gaitas da Asociación Cultural Follas Novas, formado por socios e alumnado da entidade amesá, interpretará un repertorio de música tradicional galega. A programación completarase cun espectáculo pirotécnico que porá o peche á velada. A entrada será gratuíta.
O alcalde e concelleiro de Cultura de Ames, Blas García, destacou que "As Noites en Vela xa é unha festa consagrada" e salientou a aposta do festival por dar visibilidade á música tradicional e aos grupos emerxentes galegos. Pola súa banda, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, puxo en valor a colaboración entre ambos concellos para promover a cultura, o Camiño de Fisterra-Muxía e un espazo patrimonial como A Ponte Maceira.
O evento celebrarase nun enclave declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2022 e incluído na lista dos pobos máis bonitos de España.
Ademais, o Concello de Ames habilitará un servizo gratuíto de autobús con saída ás 20.00 horas desde O Milladoiro e paradas en Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns.












