Ames recoñece aos seus deportistas e clubs nun acto de homenaxe á tempada 2025-2026
O Concello entrega distincións a equipos e deportistas individuais poñendo en valor o deporte base e o traballo das familias e clubs
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este xoves, 18 de xuño, un acto de recoñecemento aos equipos e deportistas do municipio que destacaron ao longo da tempada 2025-2026. A iniciativa contou coa participación do alcalde, Blas García, e da concelleira de Deportes, Susana Señorís, encargados de entregar uns obsequios conmemorativos aos homenaxeados.
O Concello puxo en valor o traballo dos clubs locais e das familias, destacando o seu papel fundamental no impulso do deporte de base e na formación das novas xeracións.
O alcalde destacou que en Ames “hai máis deportes que fútbol”, citando disciplinas como o baloncesto, o atletismo, a patinaxe ou o ciclismo, que contribúen á saúde e á transmisión de valores.
Pola súa parte, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, felicitou a todos os e as deportistas amesás e reafirmou o compromiso do goberno local co deporte a través de iniciativas como as bolsas de axuda, destinadas a apoiar o deporte desde idades temperás.
Recoñecementos grupais
No apartado colectivo foron distinguidos o Bertamiráns FC, o Milladoiro SD, o Ames Atletismo, o CB Ames e o CPA Omega.
No fútbol, foron recoñecidos varios equipos do Bertamiráns FC —Infantil B, Alevín B, Alevín C e Alevín D—, campións en diferentes categorías da Futgal. Tamén se destacou a tempada dos equipos xuvenís do Milladoiro SD, que lograron ascensos a Liga Galega e Segunda Futgal.
No baloncesto, o CB Ames recibiu un recoñecemento pola súa histórica tempada e polo ascenso á Segunda División Autonómica, coincidindo ademais co seu vixésimo aniversario.
En atletismo, o Ames Atletismo foi homenaxeado polos logros de varios dos seus deportistas, con resultados destacados en campionatos autonómicos e nacionais e convocatorias con seleccións galegas e españolas
Recoñecementos individuais
No apartado individual, foi recoñecida a tempada de María Estévez, campioa de España de campo a través e con destacados resultados en categoría sub-20.
Tamén foron homenaxeados os xogadores de baloncesto Mateo Riveiro e Miguel Bascoy, campións galegos e participantes en campionatos de España.
En piragüismo foi distinguida Lucía García, campioa galega na distancia de 1.500 metros.
En karate, recibiron recoñecemento Olivia Parga e Xoán David Parga polos seus resultados en competicións autonómicas e nacionais.
En patinaxe artística, foron distinguidos deportistas do CPA Omega e CP Sarela, entre eles parellas e individuais con destacados resultados en campionatos provinciais, galegos e de España.
O Concello de Ames pechou o acto reafirmando o seu compromiso co deporte local e co apoio continuado aos clubs e deportistas do municipio, como ferramenta clave de saúde, educación e cohesión social.











