O ciclista do Velostar Escola de Ciclismo, Uxío Fiuza, convocado para disputar o Campionato de España escolar
Esta chamada da selección galega é o premio directo ao esforzo diario de Uxío, á súa disciplina e á súa capacidade de sacrificio

O equipo de ciclismo de Ortoño Velostar Escola de Ciclismo vén de anunciar que o seu ciclista Uxío Fiuza está na lista de convocados da Selección Galega de Ciclismo para disputar o Campionato de España escolar que se celebrará esta vindeira fin de semana, do 19 ao 21 de xuño, en Torrejón de Ardoz, Madrid.
Esta chamada da selección é o premio directo ao esforzo diario de Uxío, á súa disciplina e á súa capacidade de sacrificio, polo que non é froito da casualidade. Cómpre destacar, que este deportista tomou a decisión, esta tempada, de deixar de lado o atletismo, deporte que practicou durante anos, para apostar de cheo polo ciclismo.
Esta é unha das citas máis grandes do ciclismo de base estatal, con probas de estrada para infantís e cadetes e competición paralímpica.











