Centos de persoas encheron o Pazo da Peregrina na VII Festa do Apego de Ames
A xornada reuniu concertos, obradoiros, teatro e actividades familiares para promover a crianza en galego

Centos de persoas ateigaron o Pazo da Peregrina durante a celebración da VII Festa do Apego, unha xornada organizada polo Concello de Ames a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, centrada na promoción da crianza en galego e na transmisión da lingua entre as novas xeracións.
O evento converteu o pazo nun espazo de socialización e festa no que se sucederon concertos, obradoiros, actividades musicais, xogos e propostas teatrais dirixidas especialmente ás familias con nenos e nenas.
O alcalde Blas García, destacou a importancia de ver “a tantas nenas e nenos gozando, aprendendo e facendo do galego a súa casa natural”, subliñando que eles “son a mellor garantía de que a nosa lingua seguirá viva e forte”.
Ao longo da xornada, o público asistiu a diferentes actuacións como o espectáculo teatral 'Este olliño pimpilín' de Inventi Teatro, o musical 'Bosque' de Mamá Cabra e Aurora Artes Escénicas, a proposta de contos e música 'As mil e unha”' de Vero Rilo e Luís Iglesias, o concerto 'As máis molonas ilustradas!' de Pakolas e Laura Romero, e o peche con 'Comisión de Festas' de Brais das Hortas.
Ademais das actuacións principais, desenvolveronse actividades permanentes ao longo de todo o día, con espazos de xogo, creatividade e descuberta nos que participaron tanto nenos como adultos.
A festa contou tamén coa colaboración de diferentes entidades culturais e editoriais, que achegaron materiais e propostas didácticas, contribuíndo a consolidar a Festa do Apego como un encontro de referencia para a dinamización da lingua galega no ámbito familiar.












