Ames destina 1,3 millóns do POS Adicional 2026 a sete obras no municipio
O plan da Deputación permitirá executar sete obras en Ames, con actuacións en Milladoiro, Bertamiráns e o rural
O Concello de Ames recibirá 1.314.490,03 euros da Deputación da Coruña a través do Plan Único de Concello – POS Adicional 2026, unha achega que se destinará á execución de sete obras no municipio.
Deste importe, 668.073,68 euros financiarán tres actuacións xa incluídas no POS complementario aprobado en febreiro, mentres que os 646.416,35 euros restantes permitirán acometer catro novas obras que deberán ser aprobadas en pleno.

O investimento distribuirase entre o rural, Milladoiro e Bertamiráns, con actuacións que inclúen, entre outras, a creación dun novo local social en Ortoño e a mellora de viarios en rúas do Milladoiro como Xaquín Lorenzo, do Francés e do Xeixo, así como en Bertamiráns e no lugar das Buceleiras.
Tamén se contemplan obras de mellora da seguridade viaria en diferentes puntos do municipio e actuacións na contorna do novo Ceip do Milladoiro.
O alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, puxeron en valor a importancia deste plan, que permite planificar investimentos con antelación e reforzar tanto os servizos municipais como a mellora das infraestruturas en todo o concello.
En total, sumando o POS principal, o POS social e este POS Adicional, Ames supera os 3 millóns de euros de investimento procedentes da Deputación da Coruña.











