Cinema Miúdo busca novas curtametraxes para a súa novena edición
O certame celebrarase do 12 ao 15 de novembro e manterá abertas as inscricións ata o 7 de agosto

O Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo abriu a convocatoria internacional de curtametraxes para a súa novena edición, que se celebrará no Concello de Ames entre os días 12 e 15 de novembro de 2026.
O certame, organizado polo concello, afronta esta nova cita tras rexistrar en 2025 a edición con maior asistencia da súa historia, con preto de 2.000 persoas participantes ao longo de catro xornadas.
A convocatoria está dirixida a persoas creadoras, produtoras, asociacións e colectivos de calquera nacionalidade que desexen presentar obras orientadas ao público preescolar e infantil.
Poderán inscribirse curtametraxes realizadas a partir de 2024, cunha duración máxima de 25 minutos e que promovan valores como a igualdade, a diversidade e a non discriminación.
Tres seccións
As obras seleccionadas integraranse nas tres seccións competitivas do festival. A categoría Axóuxeres incluirá curtametraxes de ata 10 minutos dirixidas a nenos e nenas de entre 2 e 7 anos; Buxainas estará destinada a público maior de 7 anos e admitirá pezas de ata 25 minutos; mentres que Escolares reunirá títulos orientados a espectadores e espectadoras de entre 2 e 15 anos.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 7 de agosto ás 23:59 horas. As curtametraxes poderán enviarse a través da plataforma Festhome ou mediante o formulario gratuíto dispoñible na web oficial do festival, Cinema Miúdo.
O festival repartirá dous premios do xurado dotados con 500 euros cada un e tres premios do público cunha contía de 200 euros.
Na edición de 2025 tamén se rexistrou unha participación récord nos pases escolares, aos que asistiron preto de 800 nenos e nenas de nove centros educativos de Ames. Como novidade, o festival estreou un novo formato nos centros educativos, un obradoiro de cine impartido por Coral Piñeiro.












