Ames abre abril coa danza de 'Alén', unha viaxe ás raíces da natureza galega
O espectáculo do Colectivo Glovo inaugura a programación de danza do Ames Cultural na Casa da Cultura do Milladoiro

O Ames Cultural dálle a benvida ao mes do abril co espectáculo de danza “Alén”, de Colectivo Glovo e creada por Hugo Pires Pereira e Esther Latorre. A coreografía, que se representará o vindeiro venres 10, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, está inspirada nas raíces e na forza da natureza galega. “Alén” é a primeira peza de danza que se representa este ano no Ames Cultural.
A través de carto intérpretes, “Alén” evoca un espazo que nos lembra aos nosos montes, ríos e mares. O movemento narra os ciclos da vida que todos nós coñecemos: a unión, o cambio e o renacer. En “Alén”, os corpos vibran, evocan lembranzas compartidas e crean diante do público un ritual contemporáneo que conecta coas nosas tradicións.
As entradas para esta función, de arredor duns 50 minutos, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames e teñen un prezo de 5€, a xeral, e 2,5€, areducida. Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura do Milladoiro, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, no caso de que non estea completo o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo.
Máis cultura no mes de abril
“Alén” non será a única función do Ames Cultural neste mes de abril. O venres 17, ás 20.30 horas, representarase na Casa da Cultura de Bertamiráns “Artur UI, o ovo daserpe”, unha conexión entre o teatro épico e a realidade contemporánea. Unha semana despois, o venres 24, a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, tamén ás 20.30, o espectáculo de circo “Variedades Pistacatro”.








