Apego programa un obradoiro para fortalecer vínculos familiares a través do canto
A actividade ‘Arrolar e bailar’, dirixida a familias con crianzas de ata 4 anos, celebrarase o 10 de abril en Bertamiráns con inscrición previa gratuíta

O proxecto Apego segue a organizar diferentes propostas lúdicas para as crianzas nestes primeiros meses do ano. Desta volta, vaise organizar a actividade “Arrolar e bailar”, impartida pola Fundación Legar. Unha sesión para reforzar os vínculos afectivos entre as crianzas máis pequenas e as persoas adultas a través do canto. Será o venres 10 de abril, ás 18.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
As familias aprenderán, neste obradoiro, a usar os arrolos e as cantigas de berce como instrumento de relaxación e gozar en familia con algúns bailes de roda. A actividade é de balde e está dirixida a familias con crianzas ata os 4 anos de idade. Para poder participar é necesario enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas participantes, idade dos nenos e nenas e teléfono de contacto. O prazo abre este 27 de marzo, e rematará o vindeiro xoves 9 de abril.
O programa Apego
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.








