Petiscos Gastrobar e Malasogra disputan polo título da mellor hamburguesa de Galicia
O público poderá degustar e votar polas hamburguesas “A alcaldesa” e “K.O.” durante os días 6, 7 e 8 de marzo, nun evento que combina tradición, produtos locais e creatividade gastronómica
A hostalaría de Ames terá esta fin de semana unha posta de gala ao acoller os días 6, 7,e 8 a final do Burguer Showdown. Petiscos Gastrobar e Malasogra mediranse en formato 1vs1 para decidir cal dos dous establecementos hostaleiros ten a mellor hamburguesa de Galicia. Para chegar ata esta final, os dous locais tiveron que ir pasando varias rondas, tamén en enfrontamento directo.
No acto de presentación, participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz; Juan Tocino, representante do restaurante Petiscos Gastrobar; e Alberto Pais, representante do restaurante Malasogra.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, mostrou a súa ledicia pola celebración desta final con dous restaurantes de Ames, xa que “para Ames é moi importante e bonito que dous dos seus restaurantes cheguen á final”. Un feito que implica que “nesta final non hai gañadores nin perdedores, xa que ambos son compañeiros de hostalaría e axúdanse mutuamente, o seu éxito é beneficioso para o concello”.
O alcalde, Blas García, quixo poñer en valor este fito, que fala “moi ben da calidade dos locais que temos en Ames, tanto en hamburgueserías como en hostalaría en xeral”. O alcalde quixo recalcar que “nos últimos anos houbo unha transición importante: deixouse de ligar a hamburguesa á comida rápida e pasou a ser considerada un produto de calidade”. Por último, e ante este gran acontecemento, confesou que “dende o Concello debemos explorar a vía de facer máis actividades vinculadas ao sector hostaleiro”.
Na súa quenda de palabra, os responsables dos locais hostaleiros tamén quixeron valorar a importancia deste evento. Juan Tocino, do Petiscos Gastrobar, recoñeceu que “con isto gañamos todos, traemos xente de fóra e damos a coñecer Ames, porque Joe Burguer é unha persoa que move moita xente e lle vai dar moita visibilidade ao noso concello e aos dous locais”. Palabras que secundou Alberto Pais, quen ademais invitou a toda a veciñanza a participar no que vai ser “un evento moi especial”, e ademais destacou que “nas vilas pequenas tamén facemos as cousas moi ben”.
A final do Burguer Showdown
A final decidirá cal dos dous restaurantes ten a mellor hamburguesa de Galicia. Durante estes tres días o público terá a capacidade de decidir esta denominación: cada persoa poderá comprar un tícket por 24,90€, que lle dará dereito a probar as dúas hamburguesas: “A alcaldesa”, do Petiscos, e “K.O.” do Malasogra. É importante demostrar ter comido as dúas hamburguesas para poder emitir o voto. Hai que votar polas dúas hamburguesas, no caso contrario non computará o voto emitido. Cabe recordar que estas hamburguesas son especiais para a final, e os criterios de elaboración foron libres. Haberá opción sen glute nas dúas hamburguesas.
Dito tícket poderá ser adquirido indistintamente en calquera dos dous locais e permite comer ambas hamburguesas. Cada local cociñará e servirá soamente a súa hamburguesa, non obstante, está permitido que os comensais compren a hamburguesa e a coman no establecemento contrario para poder degustar comodamente as dúas á vez. Tamén é importante saber que o tícket adquirido, permite comer unha hamburguesa un día, e outra, outro día distinto, non é obrigatorio comer as dúas hamburguesas o mesmo día.
A hamburguesa “K.O.”, de Malasogra, está composta por produtos de quilómetro 0: carne proporcionada pola empresa gandeira amesá Caquelo, unha salsa fusión galego-asiática, cogombro encurtido e un velo de papada de porco celta, curado dunha maneira específica e que leva dous meses en preparación para poder ser usada tanto no concurso como en demais elaboracións do restaurante. No caso de “A alcaldesa”, de Petiscos Gastrobar, está composta por carne de tenreira e un pastrami de cadeira de vaca, que leva unproceso de salmoira e afumado durante dúas semanas, combinada cunha mostaza degrelos a partir dun kimchi e queixo de Arzúa.
Xa o domingo, o propio Joe Burguer, creador desta afamada competición, chegará a Bertamiráns para visitar a ambos establecementos e outorgar o premio que acredite como gran gañador do Burguer Showdown 2025, unha competición que arrincou no mes de outubro cun total de 8 participantes de toda a provincia da Coruña.








