O Concello de Ames intensifica os traballos de mantemento en viarios tras os eventos meteorolóxicos
As actuacións abranguen estradas rurais e urbanas, incluíndo O Mercuto-Ameixenda, Bugallido e a rúa Alcalde Lorenzo, e continuarán con pavimentacións e melloras previstas no POS+ 2026

O departamento de Obras e Servizos Básicos realizou nos últimos días unha serie de traballos de mantemento dos viarios prexudicados por mor da climatoloxía dos últimos meses. Obras necesarias para a seguridade dos usuarios e usuarias de vehículos e que xa foron executadas polos traballadores da Brigada municipal de obras.
En primeiro lugar, tapáronse as fochancas da estrada principal que vén dende O Mercuto-Ameixenda ata a avenida de José Luis Azcárraga. Un viario que pasa por Ameixenda,Quintáns, Cortegada, O Lombao, Capeáns e que finaliza na mencionada rúa Azcárragade Bertamiráns. Este non foi o único traballo executado, pois tamén se fixo o propio na estrada onde se atopa a farmacia de Bugallido, dende a rotonda da Bola e en boa parte da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns.
Ademais de todos estes traballos de mantemento, cando a climatoloxía adversa o permita, levaranse a cabo os traballos para aglomerar o aparcamento do Supercor do Milladoiro, para mellorar o pavimento na entrada do aparcamento que se atopa detrás da oficina da Policía Local, en Bertamiráns, o mantemento na ponte da Condomiña, e seguirase cos traballos de mantemento noutras zonas.
Achega provincial de 2025 e 2026
Por outra banda, cómpre destacar que o Concello de Ames vén de aprobar nas últimas semanas o POS+ 2026. A través das Achegas provinciais de 2025 e 2026 vanse a executar seis actuacións: catro de pavimentación de viarios, a mellora e acondicionamento do parque da rúa Pardiñeiros, no Milladoiro (299.908,06 euros), e mailo acondicionamento das beirarrúas na avenida da Maía, en Bertamiráns (224.016,44euros).
Destas seis actuacións, catro delas son proxectos de mantemento e pavimentación en diversos viarios do concello de Ames. Deste xeito, na Achega provincial de 2025 sufragaranse as pavimentacións do viario de Agro do Muíño (229.991,04 euros) e os viarios de acceso a Leboráns (43.128,84 euros), mentres que a través da Achega provincial de 2026 pavimentarase o viario de Guimaráns (165.112,16 euros) e o viario de Quintáns-Cortegada (186.386,83 euros).
Deste xeito, varias das estradas nas que se executaron na actualidade traballos de mantemento vanse a arranxar con cargo ao POS+ 2026. No proxecto de Guimaráns está incluído o arranxo da estrada de entrada ao núcleo de Costoia, o viario de Guimaráns por diante da farmacia, e a pavimentación do viario de Castrigo. Por outra banda, no proxecto do viario de Quintáns – Cortegada está incluído o viario do Mercuto, a pavimentación do viario Quintáns-Cortegada, a pavimentación do viario do Lombao ata A Igrexa, e o viario de Ventosa.









