Ibuprofeno Teatro leva a Ames a estrea de 'Bio Construción', unha nova inmersión no teatro do absurdo
A compañía presenta na Casa da Cultura do Milladoiro unha peza de Santiago Cortegoso tras o éxito de 'Reconversión', finalista nos Premios Max

Ibuprofeno Teatro estrea en Ames a súa nova produción 'Bio Construción' un texto de Santiago Cortegoso para dous actores e unha violonchelista no que a compañía segue explorando o teatro absurdo. As funcións serán o venres 27 e o sábado 28 de febreiro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.
A creación artística desta peza teatral realizouse no Milladoiro a través do programa municipal de residencias artísticas. O Concello de Ames conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais(AGADIC), para a realización da programación de artes escénicas do primeiro semestre do ano 2026.
Despois da posta en escena de 'Reconversión', unha montaxe de gran formato sobre loita sindical naval na Ría de Vigo, que vén de acadar tres candidaturas aos Premios Max nas categoría de Mellor Espectáculo, Mellor Autor e Mellor Elenco, Ibuprofeno Teatro explora en 'Bio Construción' o absurdo a través dunha proposta cunha forte carga plástica na que volven a mesturar a realidade e a ensoñación, a acción e a poesía.
Marián Bañobre e Santiago Cortegoso dirixen e interpretan esta peza que emprega a metáfora para falar da existencia na sociedade capitalista contemporánea. Acompáñaos en escena a violonchelista Macarena Montesinos, autora do espazo sonoro da montaxe.
A obra, a través dun humor absurdo, preséntanos dous personaxes inocentes e loitadores, un pouco heroes e un pouco fracasados que viven nun fráxil equilibrio entre a procura da felicidade e a frustración. Esta parella decide deixar o teatro, traballo ao que se dedicaran ata agora, para marchar a un lugar remoto e emprender o seu proxecto máis ambicioso: construír unha casa coas súas propias mans. E así transcorren trinta anos.
Completan o equipo Marcos PTT na asistencia de dirección, Gloria Punzano como auxiliar de dirección, a través dun convenio asinado coa ESAD de Galicia, Jose Perozo no deseño e realización do espazo escénico, Laura Vidales no deseño de vestiario, Carlos Álvarez-Ossorio no deseño de iluminación, Armando Martén no movemento escénico e Baia Fernández na caracterización.








