O grupo municipal de teatro de Ames inicia 2026 cunha nova representación de 'Soño dunha noite de San Xoán'
O espectáculo poderá verse este sábado 17 de xaneiro ás 20.00 horas no salón do Voluntariado de Muxía, dentro dun intercambio coa Escola Municipal de Teatro dese concello

O grupo municipal de teatro de Ames comeza a súa actividade en 2026 cunha nova representación teatral do seu último espectáculo: 'Soño dunha noite de San Xoán'. A representación farase este sábado 17 de xaneiro, ás 20.00 horas, no salón do Voluntariado de Muxía. Dita representación forma parte dun intercambio acordado coa Escola Municipal de Teatro de Muxía, que participou na Mostra de Teatro Afeccionado2025 do Concello de Ames no pasado mes de decembro.
A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento o pasado 2021 a Escola Municipal de Teatro na que na actualidade participan arredor de 90 persoas, tanto nenos como adultos, repartidos en distintos grupos segundo a idade. Nesta escola, dirixida por Talía Teatro, poden participar nenos e nenas escolarizados desde primeiro curso de primaria ata persoas adultas, sen límite de idade. A formación teatral impártese os martes en Bertamiráns e os mércores no Milladoiro.
'Soño dunha noite de San Xoán'
O espectáculo 'Soño dunha noite de San Xoán' é unha adaptación da obra de William Shakespeare escrita no 1595. O elenco está formado por Eduardo Castelo, Carmela Pardal, Ilduara García, Gene Martínez, Maite Fajardo, Marisa Peña, Cris Botrán, Anna Reig, Iván Tourís, Emilia Mayo, Pablo Núñez, Esteban Paz, Tatiana Duro, Mirella Vázquez e Marichelo Cajide. A peza está dirixida por Diego Rey.
Nesta peza, baseada no día de San Xoán, coñecida como a noite máis curta de todo o ano, pode acontecer calquera cousa: dende dúas parellas de namorados que loitan polo dereito a estar xuntos (aínda que non teñan moi claro aínda con quen...), ata dúas meigas que compiten pola sona de ser a mellor. Fadas danzarinas, trasnos argalleiros, e mesmo un grupo de humildes artesás con ínfulas de artistas citaranse no medio da fraga nunha noite chea de amor e humor.









