Ames pecha 2025 cunha alta execución orzamentaria e afronta 2026 como ano clave do mandato
O Goberno municipal destaca a estabilidade financeira, a ausencia de débeda e o diálogo político como eixes da súa xestión

O Goberno local compareceu na Casa da Cultura do Milladoiro para facer balance da xestión realizada durante o ano 2025 e dar conta das principais liñas de actuación que marcarán o ano 2026 e, por extensión, o tramo final do mandato 2023-2027. O alcalde repasou a actualidade do municipio e respondeu ás preguntas dos medios de comunicación nunha rolda de prensa centrada no seguimento das actuacións máis destacadas do mandato.
O voceiro do grupo de Goberno e concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, foi o encargado de abrir a comparecencia cunha análise da situación política municipal. Fernández reiterou a liña de traballo mantida dende a constitución do Goberno tras as eleccións municipais de 2023, destacando que “somos un goberno de cooperación, que sabe chegar a acordos polo beneficio da veciñanza de Ames, algo que vimos demostrando dende o inicio do mandato”.
Neste senso, puxo en valor a capacidade do Executivo local para acadar consensos tanto cos grupos políticos da Corporación como co conxunto das administracións, subliñando que “entendemos a política como diálogo e capacidade para ceder”. O voceiro destacou tamén que, ata o momento, o Goberno local sacou adiante todos os puntos resolutivos levados ao Pleno.
Pola súa parte, a primeira tenente de alcalde e concelleira de Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, realizou unha valoración da situación económica do Concello, que acadou unha execución total do orzamento de gastos do 82,77 %. Destacou igualmente a elevada execución dos gastos financeiros, cun 96,97 %, o que amosa unha xestión rigorosa e ordenada das finanzas municipais, cun nivel de débeda cero tras a cancelación de todas as operacións de endebedamento.
En palabras de Señorís, “os datos confirman que o Concello de Ames mantén unha situación económica sólida, cun alto nivel de execución nos gastos obrigatorios e unha planificación prudente dos investimentos, sempre coa prioridade posta en garantir servizos públicos de calidade e o interese xeral da veciñanza”. Por último, anunciou que nos próximos días se porá a disposición dos grupos da Corporación un borrador dos orzamentos municipais para seren levados a Pleno á maior brevidade posible.
Intervención do alcalde
O alcalde de Ames, Blas García, realizou unha valoración global do ano 2025, salientando liñas de traballo fundamentais que marcaron a acción municipal durante o último ano e que definirán tamén os obxectivos para 2026 e o tramo final do mandato. García comezou a rolda destacando a estabilidade e a solidez do goberno.
En primeiro lugar, destacou a posta en marcha de políticas públicas pioneiras en Galicia, especialmente no ámbito da sustentabilidade e da xestión dos servizos públicos. “Durante este mandato puxemos en marcha iniciativas innovadoras que xa son unha referencia, non só en Galicia senón tamén fóra dela”, afirmou.
Outro dos piares da acción municipal foi o Plan Municipal de Saúde Mental, que continuou atendendo a numerosas persoas do concello e ampliou actuacións como programas para deixar de fumar ou intervencións nos centros educativos. Así mesmo, García destacou o desenvolvemento do Plan de Prevención de Incendios Forestais, con máis de sete anos de traxectoria, que espertou o interese da Xunta de Galicia. “Trasladamos o noso modelo á Xunta, que visitou Ames para coñecer o programa, coa posibilidade de que poida ser estudado e aplicado noutros territorios”, sinalou.
Como segundo gran eixo, o rexedor referiuse á estabilidade institucional e ao diálogo político existente no Concello. “Ames é un concello estable, no que somos capaces de sentarnos, dialogar e chegar a acordos polo ben da veciñanza”, afirmou, agradecendo a actitude colaboradora dos grupos da oposición. Neste senso, lembrou que “todos os asuntos de goberno levados a Pleno durante este mandato foron aprobados”, incluíndo cuestións complexas como a taxa do lixo ou as novas ordenanzas dos servizos de conciliación.
No ámbito económico, puxo en valor a boa saúde financeira do Concello, con investimentos históricos e capacidade para seguir impulsando proxectos estratéxicos. “A pesar de non contar con orzamentos en 2025, os datos son moi positivos e permítennos afrontar 2026 con garantías; ademais, este ano Ames contará con orzamentos”, asegurou.
O alcalde salientou tamén as melloras en educación e servizos públicos, coa posta en marcha da Cociña Central de Ames, que permitirá xestionar directamente os comedores dos programas de conciliación e abre a porta, no futuro, a ofrecer servizos de comida a domicilio para persoas maiores que viven soas.
Finalmente, fixo unha mención especial ao impulso ao Milladoiro, principal núcleo de poboación do concello. “A humanización do Milladoiro vai marcar un antes e un despois; é unha obra valente, que custará apreciar no curto prazo, pero que será amplamente valorada no futuro”, afirmou. Xunto a esta actuación, citou o centro multifuncional, o futuro complexo deportivo con piscina municipal, novas zonas de estacionamento, a creación de zonas verdes e a promoción de vivenda pública, cualificada como “unha prioridade irrenunciable”.













