A campaña Bonos Consuma mobiliza preto de 250.000 euros no comercio local de Ames
Os 60.000 euros achegados polo Concello esgotáronse en menos de dúas semanas con 3.282 bonos descargados

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, iniciou o pasado 19 de decembro unha nova campaña das tarxetas desconto “Bonos Consuma”, esgotándose o orzamento de 60.000 euros destinado ao programa en menos de dúas semanas.
Así mesmo, xerouse un volume de negocio total de 249.750,62 euros nos 108 establecementos e comercios adheridos á campaña deste ano. O obxectivo desta iniciativa foi incentivar ao consumo do comercio e hostalaría local nestas datas de Nadal. Durante o período que estiveron dispoñibles os descontos, descargáronse un total de 3.282 bonos.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, fixo un balance moi positivo desta edición dos Bonos Consuma, “que están plenamente consolidados como un clásico do Nadal en Ames que a veciñanza apoia e espera ano tras ano. Seguiremos explorando vías de colaboración co noso comercio local nesta dirección e, por suposto, manteremos os Bonos Consuma como unha ferramenta clave de apoio ao consumo de proximidade e á dinamización da economía local”.
Esta edición adheríronse á campaña un total de 108 establecementos comerciais e hostaleiros de Ames de practicamente todos os sectores: zapaterías, decoración, establecementos de estética, moda e complementos, moda infantil... En total descargáronse 3.282 bonos durante o período no que estivo dispoñible o saldo destinado á iniciativa.






















