Os personaxes Disney visitarán Ames os días 29 e 30 de decembro
As visitas terán lugar na Casa dos Maiores de Bertamiráns e no antigo centro de saúde do Milladoiro, dentro da programación municipal de Nadal 2025

Ames acollerá a vindeira semana as visitas dos personaxes do mundo Disney para saudar e pasar tempo cos nenos e nenas. O día 29 chegarán á Casa dos Maiores de Bertamiráns, en horario de 11.00 a 13.30 horas pola mañá e de 17.00 a 19.30 horas pola tarde, e o 30 pasarán polo antigo centro de saúde do Milladoiro, agora centro social, no mesmo horario que o día anterior.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, convida a todos os veciños e veciñas de Ames a participar nesta actividade. “Todos aqueles nenos e nenas que queiran acudir o luns 29 e o martes 30 a ver e saudar aos personaxes Disney, non teñen que sacar cita previa. Tan só teñen que pasar pola Casa dos Maiores de Bertamiráns ou polo antigo centro de saúde do Milladoiro, situado na rúa Agro do Medio”.
Programación de Nadal de decembro
Esta actividade enmárcase dentro da programación de Nadal 2025 ofrecida polo Concello de Ames, que comezou o xoves 4 de decembro co acendido das luces de Nadal e rematará o próximo sábado, 10 de xaneiro, co concerto de Reis a cargo de cinco agrupacións corais de Ames.
O ano pecharase coa gran Festa de Fin de Ano en Ames o día 31 de decembro. Desde pola mañá, a veciñanza poderá desfrutar das xa tradicionais Prebadaladas, que darán comezo ás 11.30 para repartir as bolsas con cotillón, arandos e con moita música e animación na praza do Concello. Pola tarde, de 17.00 a 21.00 horas, tamén na praza do Concello, será a quenda do Tardeo, que se presenta como unha das novidades deste Nadal e que será un punto de encontro festivo para todos os públicos.
Tras as badaladas terá lugar unha Festa de Fin de Ano, que se celebrará no pavillón de Bertamiráns, de 1.00 a 8.00 horas, dirixida a persoas maiores de 18 anos. Trátase dunha das principais novidades da programación municipal para este ano, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de ocio nocturno no propio concello. Contarase con servizo de autobús cunha liña fixa, que saíra a 1.00 horas. A volta farase a partir das 04.00 horas con saídas cada hora dende o pavillón de Bertamiráns.








