O Concello de Ames presenta a Gran Festa de Reis 2026
Bertamiráns e O Milladoiro acollerán recepcións reais, cabalgatas e festas con chocolate e rosca, cunha programación que se estenderá tamén ás parroquias do concello

O Concello de Ames presentou está mañá a Gran Festa de Reis, que se celebrará os días 3, 4, e 5 de xaneiro de 2026. Os núcleos urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro terán recepción real para os nenos e nenas, cabalgata e posterior Gran Festa de Reis con chocolate e rosca nos pavillóns municipais.
As parroquias tamén poderán desfrutar dos Reis Magos o día 5 de xaneiro pola mañá. A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu este acto de presentación no que se expuxeron as actividades e horarios para esta edición. O alcalde, Blas García explicou, ademais, que “este ano vólvese ofrecer o servizo de tren de Nadal, que percorrerá os dous núcleos urbanos de Ames durante as xornadas previas ao día de Reis. Haberá un tren os días 2, 3 e 4 de xaneiro para que os nenos e nenas de Ames, e tamén de fóra, poidan facer un percorrido por Bertamiráns e polo Milladoiro”.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo “agradecer ás asociacións de veciños e veciñas” pola súa colaboración. Ademais, adiantou que este ano “os reis quixeron ter algo especial cos nenos e nenas e vanlles regalar uns pequenos cadernos para que poñan os seus desexos de Nadal”. Un agasallo que, en palabras da concelleira de Benestar Social, Uxía García, “é para desfrute dos pequenos e pequenas”, realizado a partir dun traballo en equipo da Asociación Fonte da Virxe “no que uns deseñaron e outros executaron”. “Témoslle moito cariño a este colectivo”, concluíu a edil.
Un dos usuarios da Asociación Fonte da Virxe, Francisco Hermo, explicou o proceso de elaboración dos cadernos e dixo “oxalá os nenos e nenas desfruten desta arte caricaturesca, pero chea de amor e de moito sentimento” e quixo agradecer por “aceptar os nosos agasallos, deséxolles unha boa entrada de ano e que desfruten do momento”.
Recepcións Reais e visita ás parroquias
A programación comezará o sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro nos pavillóns municipais de Bertamiráns e do Milladoiro coas recepcións reais. En horario de 11.00 a 13.30 horas pola mañá, e de 17.00 a 19.30 horas pola tarde, os nenos e nenas poderán coñecer de primeira man ás súas maxestades os Reis Magos. As recepcións reais faranse os dous días tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro.
Para poder participar nas recepcións reais, as familias interesadas deberán inscribirse mediante cita previa a través da Sede electrónica do Concello. O prazo comezará a partir do luns, 22 de decembro, e estará aberto ata o venres 2 de xaneiro ás 14.00 horas. Durante a recepción, haberá catro visitas simultáneas cada cinco minutos.
Xa o día 5, a mañá empezará coa visita dos Reis Magos ás parroquias do concello. Así pois, ás 10.00 horas pasarán por Ameixenda e Cruxeiras; ás 10.30 horas por Augapesada; ás 11.00 horas por Piñeiro e Covas; ás 11.30 horas por Tapia e Ortoño; ás 12.00 horas por Lens; ás 12.30 horas por Agrón e Bugallido; ás 13.00 por Trasmonte; e ás 13.30 horas rematarán o percorrido visitando a parroquia de Biduído.
Cabalgatas e Festa de Reis
O luns, 5 de xaneiro pola tarde, será a quenda das cabalgatas. Ás 17.00 horas as carrozas recorrerán o núcleo do Milladoiro, partindo da Igrexa. Ao rematar a cabalgata, arredor das 18.00 horas, os Reis trasladaranse ao pavillón municipal para dar comezo á Gran Festa de Reis, na que se servirá chocolate e rosca para todos os asistentes e haberá actuacións musicais.
Máis tarde, ás 19.00 horas, comezará a cabalgata en Bertamiráns dende a nave de Obras, en Lapido. Logo de facer o recorrido, as carrozas chegarán ao pavillón municipal arredor das 20.00 horas para celebrar a Gran Festa de Reis, que de igual maneira que no Milladoiro, terá chocolate, rosca e actuacións musicais.








