Ames acende o Nadal cun mes de actividades, mercado propio e festas para todas as idades
O Concello presenta unha programación diversa que inclúe o novo Mercado de Nadal, visitas de Papá Noel e os Reis Magos, música, deporte e propostas para a cativada

A programación de Nadal do Concello de Ames xa deu comezo esta primeira semana de decembro co acendido das luces e rematará nun mes, o día 10 de xaneiro, co Concerto de Reis. Durante este período haberá unha morea de actividades, como probas deportivas, concertos, relatorios e demais eventos relacionados co Nadal para todos os públicos e idades.
Entre os pratos fortes da programación atópanse as Prebadaladas, Tardeo e posterior Festa de Fin de Ano o día 31; o novo Mercado de Nadal da praza da Maía; a recepción a Papá Noel ou a Cabalgata de Reis. As actuacións musicais tamén serán recorrentes nesta programación, con recitais como o Concerto de Nadal dos grupos de música tradicional de Ames, o sábado 20 de decembro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns; ou o concerto de Anxo Gómez, o venres 9 de xaneiro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén haberá unha chocolatada o xoves 11, de 19.00 a 21.00 horas, no aparcadoiro do Supercor do Milladoiro, ao carón da árbore de Nadal.
As actividades da Aula da Natureza tamén volverán ter o seu oco na programación de Nadal de 2025. Nesta ocasión, co obradoiro Botiquín Natural de Inverno, o sábado 20, de 10.30 a 13.30 horas. Un taller no que se ensinará a realizar menciñas tradicionais utilizando recursos naturais do noso redor.
Mercado de Nadal
Os días 19, 20 e 21 de decembro, a praza da Maía acollerá a primeira edición do Mercado de Nadal cun total de 18 postos: 12 de artesanía, situados nos laterais do mercado e 6 postos nas zonas centrais para alimentación e produtos da horta. Con este mercado búscase crear un ambiente festivo nas rúas.
O Mercado de Nadal abrirá o venres 19 pola tarde, en horario de 17.00 a 20.30 horas. O sábado 20 e o domingo 21 de decembro, abrirá en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 20.30 horas.
Actividades para os máis pequenos
Dadas as datas, unha boa parte do cartel está destinado aos máis cativos. O Nadal quedará inaugurado para eles co ciclo de Contacontos de Nadal na bibliotecas de Bertamiráns e O Milladoiro, os días 9, 10 e 11, e 16, 17 e 18, respectivamente, ás 17.30 horas, e a Visita do Apalpador á Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 12 ás 18.00 horas.
Ademais do Apalpador, os nenos e nenas amesás tamén recibirán a visita especial de Papá Noel no concello. Deixarase ver na Casa da Cultura do Milladoiro o luns 22 de decembro de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, e o martes 23 na Casa dos Maiores no mesmo horario.
Outro ano máis, tamén haberá visita das principais personaxes de Disney polas rúas do concello. O primeiro encontro será o luns 29 de decembro na Casa dos Maiores de Bertamiráns, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, e ao día seguinte farán o propio na Casa da Cultura do Milladoiro no mesmo horario.
A guinda á programación infantil porana os Reis Magos. A fin de semana do sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro, os Reis farán unha Recepción Real no Milladoiro e en Bertamiráns, de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.30 horas, previa á visita ás parroquias que farán o luns 5 de xaneiro de 10.00 a 13.00 horas. Ese mesmo día, serán as Cabalgatas: ás 17.00 horas no Milladoiro e ás 19.00 horas en Bertamiráns. Despois, festa de Reis nos pavillóns.
Actividades deportivas
As actividades deportivas terán moito peso durante esta época de Nadal. O próximo sábado 6 de decembro, a partir das 10.00 horas, arranca unha nova edición da Ames Cup de fútbol 8 no campo municipal de Bertamiráns para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín.
O torneo, organizado polo Bertamiráns F.C. coa colaboración do Concello de Ames, estará dividido en tres días de competición: o sábado 6 xogaranse os partidos da categoría benxamín, o domingo 7 será a quenda da categoría prebenxamín, e o luns 8 pecharán o campionato os nenos e nenas da categoría alevín.
O tenis tamén terá o seu oco durante as festas de Nadal. O domingo 14 de decembro, o departamento de Deportes do Concello de Ames ofrece o torneo de minitenis “Tenis na rúa” que se disputará no Aero Club de 16.00 a 20.00 horas.
Por último, a programación deportiva estará cuberta con tres interesantes competicións: por un lado, a XVIII Carreira Ciclista do Pavo máis xincanas ciclistas, o domingo 21, ás 11.00 horas, en Bertamiráns; e seguidamente celebrarase o Campionato de Marcha no Milladoiro, o domingo 28, ás 10.45 horas. O deporte de Nadal finalizará coa Gladiator Kids O Milladoiro, o sábado 3 de xaneiro, ás 16.30 horas, na área deportiva do Milladoiro.










