Preto de 2.000 escolares participan na fase comarcal do campionato cros Xogade
Rapaces e rapazas de 18 centros educativos de Santiago e comarca participan nas xornadas de cros, clasificatorias para o campionato provincial

O circuíto de cros de Aldea Nova acolle nas xornadas deste xoves 27 e venres 28 de novembro a fase comarcal do campionato de cros Xogade, que está organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Atletismo, e no que colabora o Concello de Ames. Nestas dúas xornadas participan 1.894 rapaces e rapazas que cursan estudos de educación primaria e secundaria de 18 centros escolares de Santiago de Compostela, Ordes, Arzúa, Vedra, Oroso, Boqueixón, Teo, O Pino, Touro, Arca, Ponte Carreira e Melide.
Esta iniciativa enmárcase no programa Xogade, cuxo obxectivo é facilitar a práctica deportiva entre a mocidade galega, especialmente no ámbito escolar, promovendo un estilo de vida activo e saudable.
Preto de 2.000 escolares de 18 centros educativos
Nestas dúas xornadas os clubs e atletas compiten na fase comarcal. Na primeira xornada celebrada hoxe 27 de novembro participaron 782 escolares das categorías benxamín, alevín e infantil. Esta proba serve para determinar os clubs e atletas que se clasifican para a fase provincial. Os centros escolares que participaron na xornada deste xoves, 27 de novembro, foron: CEIP Sigüeiro, Ortigueira-Vedra, Arzúa, Raíña Fabiola, Rodríguez Xixirei, A Martagona- Melide, Castelao-Ordes, Campomaior-Ordes, Apostolo Santiago, CRA Boqueixón-Vedra.

Por outra banda, este venres 28 de novembro, participarán nesta fase comarcal un total de 1.112 alumnos e alumnas (das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete) dos centros escolares: CPI de Touro, Arca, Ponte Carreira, IES Rosalía Castro, Eduardo Pondal e Cacheiras; e os CEIP de Roxos e Quiroga Palacios.
Clasificación para o campionato provincial
Nestas probas establécense dúas clasificacións, individual, segundo o orden de chegada, e por equipos, sumando os puntos obtidos polos 4 primeiros corredores/as de cada centro escolar, 3 no caso dos cadetes de cada centro, resultando gañadora a entidade que acadou menos puntos. Na categoría cadete, para o campionato provincial, clasificaranse os dous mellores equipos, e os 10 primeiros atletas clasificados individualmente que non pertenzan aos estes equipos e entren na meta entre os 15 primeiros.
No resto das categorías clasificaranse para o provincial, en cada xornada, o primeiro equipo e os 5 primeiros atletas que non pertenzan ao equipo clasificado e entren na meta entre os 10 primeiros. Para o campionato provincial os equipos estarán formados por 6 atletas como máximo. Poderanse variar os corredores que van a formar parte dos equipos clasificados, con respecto aos que participaron nesta fase.
En cada xornada, faise a entrega de trofeos para os 3 primeiros centros clasificados en cada categoría, así como medallas para os atletas que entren na meta nos 4 primeiros postos de cada carreira. As clasificacións destas probas pódense consultar na páxina web da Federación Galega de Atletismo premendo nesta ligazón.






















