O Concello de Ames e Nós Televisión estrean o documental 'Promover o galego dende o local'
A peza audiovisual destaca as iniciativas municipais de dinamización lingüística e poderá verse dende o 22 de novembro en Nós Televisión e Movistar Plus+

O Concello de Ames e Nós Televisión presentarán o vindeiro luns 17 de novembro, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, o documental Promover o galego dende o local, unha peza que pon en valor o traballo que se realiza dende as administracións municipais para fomentar e normalizar o uso da lingua galega.
A produción, financiada polo Concello e dirixida por Ana Viqueira, recolle os principais proxectos de dinamización lingüística que se desenvolven en Ames, como Galetiktokers, Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa e o Certame Literario de Ames, referentes no impulso do galego en ámbitos educativos, culturais e empresariais.
Un documental sobre a forza da lingua dende o territorio
O filme, de 37 minutos de duración, contou coa participación do alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, así como do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e das concelleiras Carmen Porto (Educación e Mocidade) e Ana Belén Paz (Promoción Económica).
Tamén aparecen profesionais e participantes de distintas iniciativas, entre eles Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, María Cebey, Carlota Mera, Julio de la Iglesia e alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta, que comparten a súa experiencia arredor da lingua.
A proxección será aberta ao público e, a partir do 22 de novembro, poderá visualizarse na canle de Youtube de Nós Televisión, na canle 9 de R en toda Galicia e en Movistar Plus+ en todo o Estado.
A produción
A produción executiva correu a cargo de Rosabel Candal e Diego Frey, mentres que a realización foi de Martín Rodríguez e Diego Frey. O deseño de grafismos e creatividades foi obra de Roi Barros, e a voz en off correu a cargo de Xiana Arias.
O documental combina testemuños, imaxes de dron e secuencias gravadas en centros educativos e espazos públicos do municipio, reflectindo a implicación da comunidade amesá co galego e a importancia de promover o idioma dende o ámbito local.






















