Chega este venres ao auditorio de Bertamiráns a representación da obra 'Mofa e Befa: Os dous de sempre. O regreso'
Esta peza de comedia teatral homenaxea o universo humorístico de Castelao a través das personaxes de Pedriño e Rañolas, interpretadas por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira

Este venres, 31 de outubro, ás 20.30 horas, chega á Casa da Cultura de Bertamiráns a representación de 'Mofa e Befa: Os dous de sempre. O Regreso', da compañía Producións Teatrais Excéntricas. A peza, dirixida para público adulto e incluída dentro da programación do Concello de Ames en conmemoración do Ano Castelao, conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames para o segundo semestre do ano.
Neste 2025 estase a celebrar o Ano Castelao, en homenaxe polo 75 aniversario do pasamento deste ilustre personaxe da cultura galega. Dentro da programación do Concello de Ames a dita conmemoración, está incluída a representación que terá lugar este venres, 31 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, “Mofa e Befa: Os dous de sempre. O regreso” de Producións Teatrais Excéntricas.
Producións Teatrais Excéntricas construíu os seus últimos éxitos adaptando para o teatro grandes figuras da literatura galega. Así, a teatralidade do Porco de Pé de Vicente Risco e o Auto do Castromil de Manuel María, foron as pezas escollidas pola compañía en ocasións anteriores, chegando a ter máis de 120 funcións por toda a xeografía galega. Desta volta, foi a quenda do ilustre Castelao con dous dos seus personaxes máis característicos dentro da súa faceta humorística.
