A Carreira Pedestre de Ames reúne preto de 1.500 participantes na súa XXIV edición
A cita deportiva, que se celebra este domingo en Bertamiráns, acollerá tamén o Campionato de España máster de 5 quilómetros en ruta

Este domingo, 19 de outubro, celebrarase a Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames, que alcanza a súa vixésimo cuarta edición. A proba conta cun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo nas distancias de 5 e 10 quilómetros, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. Paralelamente a esta competición celébrase o campionato de España de 5 quilómetros en ruta máster.
Nesta edición hai inscritas 1.219 persoas na proba popular, arredor de 430 nas categorías absoluta e sub-18, mentres que nas categorías escolares hai 789 rapaces e rapazas inscritos. Ademais, no campionato de España máster 5k presentaron a súa inscripción 240 atletas.
Na carreira popular poden participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Os e as participantes do Campionato de España deben estar en posesión da licenza nacional correspondente en vigor. Na organización desta proba colaboran os clubs de atletismo de Ames: club de atletismo Sar, club de atletismo MillaRaio, e club Ames Atletismo; así como o club ciclista Os Esfola Arrós.
Dorsais
A carreira estará controlada ao longo de todo o percorrido a través dun dorsal-chip que se lle entregará a cada participante. Aqueles que cheguen á meta sen este elemento ou que o leven colocado de xeito incorrecto descualificaranse automaticamente segundo criterio do xuíz árbitro da competición.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada na Casa do Concello o día anterior á carreira (sábado, 18 de outubro en horario das 17.00 ás 20.00 horas) ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para evitar colas, recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido.
Premios e trofeos
Recibirán un trofeo as tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría establecida no regulamento e tamén as tres primeiras clasificadas da proba absoluta. Na proba absoluta recibirán un trofeo local as tres primeiras persoas clasificadas empadroadas no Concello de Ames. Ademais, a ganadora e o ganador locais, tanto feminino como masculino, obterán un abono trimestral no Centro Deportivo Municipal A Telleira de Bertamiráns.
Haberá tamén premios en metálico. Na proba absoluta 10K o primeiro clasificado será galardoado con 250 euros, o segundo con 200 euros; o terceiro con 100 e o cuarto con 50 euros. Para os clubs federados da proba absoluta 10 K o primeiro premio será de 250 euros, o segundo de 175 euros; o terceiro de 100 e o cuarto de 75 euros.