Ames mobilizará 11 millóns de euros co Plan Conecta Ames, cofinanciado polo FEDER
O programa inclúe un mercado de abastos, un banco de terras, novas conexións ciclables, transporte público entre núcleos e mellora de servizos no rural

O Concello de Ames foi seleccionado dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027. Deste xeito, a Ames correspóndenlle 6.547.727 euros, que representan o 60% sobre o importe total do Plan Conecta Ames.
O 40% restante que ascende a 4.365.151 euros terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial. O investimento total que se vai executar será de 10.912.878 euros. O plan de Ames contempla a execución de catro grandes proxectos, que se enmarcan nunha estratexia xeral, e están recollidos na Axenda Urbana 2030.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou “que a través do plan Conecta Ames vanse investir 11 millóns de euros, un investimento moi importante que vai a servir para cambiar o noso concello e ter un concepto distinto do Ames que coñecemos agora mesmo. Nesta ocasión dito investimento vaise a repartir en proxectos para os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos núcleos do rural”.
O rexedor municipal tamén apuntou que “este non é un plan deste goberno, senón que é un plan de toda a Corporación municipal e de todos os veciños e veciñas de Ames, porque naceu da participación na elaboración da Axenda Urbana, un proceso no que se lle deu a correspondente participación aos grupos políticos e á cidadanía”.
Proxectos enmarcados nunha estratexia xeral
Deste xeito, na EDIL do Concello de Ames inclúese un primeiro proxecto que se define como a construción dunha estratexia alimentaria integral Km0, apoiada nun novo mercado de abastos e un banco de terras de produción local que inclúe as seguintes accións: a construción do mercado municipal de abastos, en Bertamiráns; a integración co entorno verde próximo a través da rúa do Cómaro; a creación dun banco de terras de catro hectáreas recuperadas para o cultivo ecolóxico na Condomiña; e mailo asesoramento e formación aos produtores.
O segundo proxecto aborda a vertebración do municipio a través da creación dunha senda ciclable que conecte O Milladoiro e o rural coas dotacións de referencia, integrando e poñendo en valor o patrimonio e os nodos sociais de referencia ubicados ao longo da mesma.
O terceiro proxecto atende á vertebración do municipio a través da implantación dun transporte público, que una de maneira áxil os núcleos de O Milladoiro e Bertamiráns, entre eles e co rural. Finalmente, o último proxecto recolle a creación e adaptación das dotacións para mellorar a oferta de servizos no rural e favorecer a centralidade dos núcleos.
